Centro

Tanto a aula da natureza como o museo etnográfico están instalados nun edificio de dúas plantas (baixo e soto) situado xunto a unha antiga barreira de extracción de arxila recuperada como lagoa naturalizada.

 

Arredor do edificio que alberga a aula e o museo existe un contorno recuperado cuxo principal compoñente é a lagoa. Este lugar foi acondicionado con pasamáns, áreas de descanso, pasarelas e un firme adecuado para poder realizar un itinerario de observación arredor da lagoa.

 

A lagoa, o seu contorno e o museo ocupan unha superficie total de aproximadamente 18.100 m2, dos cales 4.060 m2 corresponden a zona de beira.

 

Antigamente existía aquí un xacemento de barro (barreira) do que se extraía ese material para utilizalo na industria cerámica. As extraccións deron lugar a un profundo oco no terreo que, pouco a pouco, se foi enchendo de auga, converténdose nunha lagoa.

 

Antes de se encher con auga, construíuse un edificio no centro do xacemento. Hoxe en día esta construción de planta baixa e soto é a Aula da Natureza e o Museo Etnográfico de Brañas de Valga.

 

Agora a lagoa é unha masa de auga rodeada dun bosque de ribeira con diferentes especies arbóreas, como son: bidueiro, salgueiro, freixo, etc. Xunto a este bosque, medra unha importante diversidade de plantas acuáticas (espadanas, xuncos, mentas…) ou ruderais (silvas, acedas…).

 

Debido á variedade de hábitats que ofrecen, a lagoa e o seu contorno son escollidos por unha gran diversidade de animais e plantas para vivir. Aquí atopan condicións óptimas para alimentarse, medrar e reproducirse.

 
Contidos da aula-museo

Exposición sobre o medio natural das brañas (Planta baixa)

Está composta por paneis interpretativos con abundante información sobre diferentes aspectos naturais das brañas e a fauna e flora das zonas húmidas, así como sobre o valor ecolóxico das brañas.

 

Aula taller-laboratorio (Planta baixa )

Esta aula é un pequeno laboratorio para realizar estudos e experiencias prácticas. Presenta unha capacidade orixinal de 40 participantes.

Está equipada co mobiliario básico de calquera laboratorio, como son encimeiras, vertedoiros, mesas de traballo, tallos e andeis. Ademais, conta con material específico para traballos de estudo e experimentación.

 

Aula de usos múltiples (Planta baixa )

Está destinada a usos como proxección de audiovisuais, reunións ou actividades para as que se necesite un espazo amplo.

Está equipada con mesas e bancos.

 

 Museo da arxila (Soto)

Accédese a el polas escaleiras centrais.

Conta con mostras de cerámica, mostras de aplicacións da arxila e unha serie de paneis acerca da historia da cerámica en Galicia, as técnicas de elaboración de diferentes produtos cerámicos, etc.

 

planos-museo-etnográfico